Comunidade de Traballo
|
Período anterior á creación formal da Comunidade de Traballo A Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte teñen desenvolvido ao longo dos últimos anos, unhas estreitas relacións, facilitadas pola veciñanza xeográfica e polas afinidades entre as dúas rexións. Baséanse en aspectos históricos e culturais e nas potencialidades que resultan de considerar un espazo económico conxunto Galicia-Norte de Portugal, particularmente, en termos de mercado e nas vantaxes que poden resultar da estruturación do Noroeste Peninsular para a cohesión do territorio comunitario. A aproximación entre as dúas institucións data do inicio dos anos 80, materializada nos contactos realizados polo Prof. Doutor Valente de Oliveira, entón Presidente da CCRN, e o Excelentísimo Sr. D. Gerardo Fernández Albor, entón Presidente da Xunta de Galicia. A concertación de posicións conxuntas no seo da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), e o estudo da caracterización infraestructural da Cuenca do río Miño solidifican os primeiros traballos de coordinación técnica entre as dúas institucións. O segundo paso importante consistiu nun exercicio de harmonización dos Programas de Desenvolvemento Rexional entón dispoñibles para os dous territorios, co fin de dotar o encontro entre as dúas institucións dun marco estratéxico de referencia. Así, en 1986 xurdiu a Memoria Conxunta de petición de financiamento dun estudo global do Norte de Portugal-Galicia para intervencións específicas comunitarias, estudo que tiña por obxectivo último analizar os aspectos económicos e sociais de cooperación entre a Rexión Norte e Galicia. Non obstante, non se tratou dunha simple investigación técnica, pola contra, pretendíase que o estudo fose operacional, no sentido de servir de base a actuacións programadas para a consecución de obxectivos a curto, medio e, eventualmente, longo prazo. Nesta liña de concreción é onde debe situarse a realización, en outubro de 1988, das 1as Xornadas Técnicas e, en decembro de 1990, das 2as Xornadas Técnicas entre as dúas rexións, as cales permitiron un significativo afondamento no proceso de cooperación. A partir destas 2as Xornadas as institucións das dúas Rexións verifican a necesidade da existencia dunha estrutura que favoreza a continuidade, a coherencia e o incremento da cooperación transfronteiriza, polo que asumen formalmente o interese en encadrar a súa cooperación nun programa de traballo estructurado funcional e institucionalmente, dando orixe á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, cuxo Acordo Constitutivo foi asinado en outubro de 1991. Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Período posterior á creación formal da Comunidade de Traballo Coa firma do Acordo Constitutivo, abriuse un novo capítulo na historia das relacións institucionais entre as dúas rexións transfronteirizas. Tendo como pano de fondo unha crecente interdependencia e solidariedade rexionais, nunha perspectiva de harmoniosa aproximación de ambas as dúas rexións ao Mercado Único Europeo, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal desenvolveu un esforzo de resolución de problemas comúns e de aproveitamento dos recursos materiais das dúas rexións. A Presidencia da Comunidade de Traballo foi asumida pola Xunta de Galicia nos dous primeiros anos da súa existencia. No primeiro ano de funcionamento abríronse varias frontes de cooperación, concretadas esencialmente en proxectos asumidos por institucións públicas das dúas rexións. Estas frontes de cooperación constituíronse en Comisións Sectoriais e Territoriais inscritas no organigrama de funcionamento da Comunidade de Traballo. No primeiro plenario da Comunidade de Traballo, realizado en Santiago de Compostela no ano 1992, creáronse seis Comisións Sectoriais: Agricultura e Pesca; Cultura e Desenvolvemento Local; Formación, Ciencia e Tecnoloxía; Turismo; Medio, Ordenación e Recursos Naturais e Administración Rexional e Local. Co transcurso dos anos, a cooperación transfronteiriza entre as dúas rexións foise intensificando e ampliando a outros ámbitos de actuación, así como tamén fóronse incorporando progresivamente representantes da Administración Local fronteiriza. O número de institucións, tanto rexionais coma locais, implicadas neste proceso aumentaron, do cal resulta a actual estrutura orgánica da Comunidade de Traballo. Estas Comisións Sectoriais e Territoriais desenvolven, dende a súa creación, innumerables actividades que son o reflexo deste progresivo aumento de cooperación. |


Comunidade de Traballo


